Noticias
- Details
- Written by: admin
- Category: Noticias
- Hits: 81
O Cancioneiro Popular Galego e as cantareiras Adolfina e Rosa Casás Rama (Cerceda), Eva Castiñeira (Muxía), Prudencia e Asunción Garrido Ameijende e mais Manuela Lema Villar van ser obxecto de homenaxe no Día das Letras Galegas 2025.
A musicóloga suíza Dorothé Schubarth, que faleceu o mércores 6 de setembro de 2023, profesora de Harmonía e Contrapunto na Academia de Lucerna, dedicouse a estudar a música popular europea dos Balcáns, Cáucaso, Alemaña e Francia. Nas vacacións de 1978 chegou a Galicia, percorreu o país e rexistrou grabacións de música popular galega durante anos e aplicou a metodoloxía científica da musicoloxía para clasificar, analizar e estudar todo o material recollido. Xunto co filólogo Antón Santamarina, publicaron o Cancioneiro Popular Galego, con sete volumes, que foi financiado pola Fundación Barrié de la Maza.
No ano 2014, a musicóloga doou todos os seus rexistros sonoros ao Museo do Pobo Galego e ao Consello da Cultura Galega, entidades nas que é posible acceder a todo ese material de valor incalculable.
Sen o traballo de persoas como Dorothé, pioneira na etnomusicoloxía en Galicia e revalorizadora da calidade da nosa cultura, ou Antón Santamarina, sería imposible coñecer e ter á nosa disposición este tesouro da poesía e da música popular. A nós, tócanos amosar o noso agradecemento polo seu traballo e reivindicar a difusión deste impresionante legado.
Pódese acceder a unha versión en liña deste cancioneiro: Ligazón para acceder á versión en liña do Cancioneiro Popular Galego - Fundación Barrié. Precisaría dunha anovación tecnolóxica.