Juan Pardo, excelente compositor e cantante, puxo música ao poema de Ramón Cabanillas En pé! que apareceu na edición de 1927 do libro Da terra asoballada. A música de Juan Pardo, co arranxo do mestre Eduardo Leiva, responde fielmente á épica do texto e a interpretación do cantante é extraordinaria. Juan Pardo SI que merece xustamente a Medalla de Ouro de Galicia no ano 2023.
¡En pé!
¡Irmáns! En pé sereos
a limpa fronte erguida,
envoltos na brancura
da luz que cae de riba,
o corazón aberto
a toda verba amiga
e nunha man a fouce
e noutra man a oliva,
arredor da bandeira azul e branca,
arredor da bandeira de Galicia,
¡cantémo-lo dereito
á libre nova vida!
Validos de traidores
a noite de Frouseira
á patria escravizaron
uns reises de Castela.
Comestas polo tempo
xa afrouxan as cadeas...
¡Irmáns asoballados
de xentes estranxeiras,
ergámo-la bandeira azul e branca!
E ó pé da enseña da nación galega
cantémo-lo dereito
á libertá da Terra!
¡Irmáns no amor a Suevia
de lexendaria historia,
¡en pé! ¡En pé dispostos
a non morrer sen loita!
¡O día do Medulio
con sangue quente e roxa
mercámo-lo dereito
á libre, honrada chouza!
¡Xa está ó vento a bandeira azul e branca!
¡A oliva nunha man, a fouce noutra,
berremos alto e forte:
“A nosa terra é nosa”.
Unha versión de boa calidade sonora da canción En pé! de Juan Pardo: