Concerto do grupo Los Evers

Cando a finais dos anos sesenta e principios dos setenta o fenómeno dos The Beatles chegou á nosa terra, unha morea de xóvenes, engaiolados pola música, por disfrutar tocando xuntos e por facer disfrutar ao público que os escoitaba, formou unha enorme variedade de grupos musicais que amenizaba festas, tocaba en salas ou daba concertos por toda a xeografía galega. Eran Los Evers, Los Posters, Los Murciélagos, Los Warner... Intentaban emular a eses grupos internacionais facendo versións propias dos grandes éxitos, aprendían uns dos outros nos ensaios, incluso compoñían os seus temas, gozaban coa camaradería e compartían valores como a amizade, a liberdade, a xuventude, a aventura... Non eran tempos fáciles para desenvolver esta afección... A súa estética rachaba co habitual por aqueles tempos e a liberdade que compartían non casaba cun rexime nacional-católico que xa estaba no seu ocaso.

O tempo foi pasando, os grupos evolucionaron, sufriron cambios na súa formación e, por circunstancias propias da vida, enmudeceron. Pero a chama da música quedou en todos e cada un dos seus integrantes de tal xeito que, xa superada a cincuentena, volveron xuntarse para emular aqueles tempos, para seguir vibrando xuntos en cada un dos ensaios e das actuacións, brindando ao seu público, a aqueles xóvenes de entón que reviven tempos pasados cos seus ídolos e cos temas musicais que os fixeron felices e ao novo público, música en directo, fresca, única, verdadeira, con versións ben traballadas, co mellor son que a tecnoloxía actual proporciona.

Se o queren comprobar, o grupo Los Evers dará un concerto en Bbikalla Park o vindeiro venres 7 de setembro ás 23:30 h. Sería unha boa oportunidade para pasar un magnífico momento deixándose levar polo bo facer deste grupo ourensán.