Banda Xuvenil de Santádega

O pasado verán, no mes de xullo, tivo lugar o IV Festival de Bandas Infantís e Xuvenís, organizado pola Federación de Bandas de Galicia, evento encamiñado a pór en valor o labor formativo destas agrupacións que moven, afortunadamente, cada vez a máis rapazada.

Por sorteo, da provincia de Ourense acudiron a Banda Xuvenil da Agrupación Musical da Limia e a Banda Xuvenil de Santádega (Coles). Como na capital da provincia levamos case seis anos sen banda municipal parécenos axeitado escoitar a unha destas bandas e darlles as grazas aos seus músicos, directores, asociacións culturais e nais e pais, por ofrecernos música fermosa, interpretada con agarimo e tamén por non deixar morrer esta tradición que vén desde finais do século XIX e que, debido á falta de sensibilidade da poboación ourensá e dos seus representantes políticos, foi borrada do acervo cultural da nosa cidade.

Con vostedes, a Banda Xuvenil de Santádega dirixida por Roberto Iglesias.